Saturday 27 de April de 2024

Oleiros continuará formando parte da executiva do Fondo Galego de Cooperación


O Concello de Oleiros conserva a vogalía que xa tiña na executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a presente lexislatura. A concelleira de Cooperación, Marga Figueroa Vázquez, seguirá a ser a representante do Concello neste órgano no período 2023-2027.

A nova Comisión foi elixida pola Asemblea Xeral, na que participan representantes de 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo. Desta maneira, queda configurada a rede solidaria do municipalismo galego que seguirá incorporando a defensa dos Dereitos Humanos á axenda local.

Nestes intres, o Fondo Galego está a apoiar sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador. Ademais, proximamente se celebrará na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e organizarase unha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís.

O Concello de Oleiros foi un dos municipios que impulsou a fundación do Fondo Galego no ano 1997.